Friday 19 de April de 2024

O Lacón con Grelos volve a triunfar un ano máis no Mesón do Vento


Fin de semana cargado de actividades culturais, deportivas e gastronómicas, organizadas polo Concello de Ordes no Mesón do Vento, para conmemorar a XXII Festa do Lacón con Grelos.
Ás 10 da mañá do sábado dábaselle o pistoletazo de saída a unha festa que congregou a milleiros de visitantes que non pararon de desfrutar dun programa moi variado ata ben pasadas as 20 horas do domingo, e que fan desta festa, que xa vai pola súa XXII edición, unha das máis recoñecibles do panorama gastronómico provincial.
Dentro da nave do recinto feiral do Mesón do Vento puidéronse ver durante toda a fin de semana mostras de gando e aves autóctonas. Ademáis na mañá do sábado tamén se realizou a presentación dos Cabalos de Pura Raza Galega por parte da Federación de Razas Autóctonas de Galicia. Nos arredores da nave de gando habilitouse un mercadiño con postos variados de artesanía e houbo tamén exposición de maquinaria agrícola e atraccións infantís para os máis cativos.
Ao mediodía tocoulle o turno ao folclore co V Encontro Folclórico no que participaron a Asociación Cultural Veciños de Leira, Sementes da Arte de Ordes, Camiño Real de Poulo e o grupo local Ardevento. Xa pola tardiña realizouse unha exhibición de Agility por parte do Club Mascoguau. Finalmente foi o tradicional concurso de disfraces o que puxo punto e final á primeira xornada da festa gastronómica.
O domingo tivo lugar a II Poxa de Gando Frisón, organizada coa colaboración da Xunta de Galicia e Africor Coruña. Dos 10 animais postos á venda, saíron 8 e SAT_Lavandeira Saloon 7077, de SAT Lavandeira, foi a que alcanzou o prezo máis alto xa que SAT Ganadería O Salgueiro adquiriuna por 3.100 euros. O volume total de negocio chegou aos 18.750 euros e a media foi de 2.344 euros.
Como non podía ser de outro xeito non faltaron tampouco as competicións cabalares cunha morea de participantes inscritos nas diferentes probas de andadura, trote, xincana e ata unha carreira de burros que fixo as delicias dun gran número de asistentes ao evento. Este ano como novidade contouse coa estrea dun novo sistema pioneiro de control informatizado das probas que deixou abraiados tanto aos participantes como aos xuíces da competición.
A Festa do Lacón con Grelos está organizada polo Concello de Ordes coa colaboración de Africor Coruña, Boaga, Asociación Pura Raza Galega e Xunta de Galicia. Tanto o alcalde de Ordes, D. José Luis Martínez Sanjurjo como a práctica totalidade dos membros do seu equipo de gobernó non perderon detalle de todos os actos desenvoltos na fin de semana.